Friday 03 de May de 2024

Laxe acolle esta semana o sétimo ‘Encontro da Sociedade Ibérica de Micoloxía’


• O encontro traerá ata o municipio a cincuenta dos mellores micólogos e micólogas da península ibérica

• A veciñanza poderá participar na saída micolóxica e nas xornadas de portas abertas

O Concello de Laxe acollerá, do martes 5 ao domingo 10 de decembro, o sétimo ‘Encontro da Sociedade Ibérica de Micoloxía’, que reunirá no municipio a cincuenta dos mellores micólogos e micólogas da península ibérica. O acto está organizado pola Sociedade Ibérica de Micoloxía, coa colaboración da Federación Galega de Micoloxía e o Concello de Laxe.

Trátase do evento máis importante da micoloxía nacional, no que estes expertos e expertas poderán estudar os fungos da Costa da Morte, un lugar que conta con especies singulares na xeografía galega e cunha riqueza ambiental única.

As persoas interesadas en coñecer de primeira man o patrimonio cultural e etnográfico do municipio e mergullarse no curioso mundo dos cogomelos, poderán participar na saída micolóxica, que terá lugar o día 6, e nas xornadas de portas abertas, que se realizarán do 6 ao 10 de decembro.

O punto de partida da saída será a Casa do Concello, ás 10:00 horas. As persoas interesadas en participar deberanse inscribir previamente chamando ao 981 70 69 03.

En canto ás xornadas de portas abertas, serán no Salón de Eventos do Hotel Playa de Laxe, en horario de 18:00 a 19:00 horas. Son de libre participación, polo que todas as persoas poderán achegarse no horario establecido para apreciar as exposicións de cogomelos e aprender coas explicacións das persoas expertas na materia.

O rexedor, José Luís Pérez Añón, manifestou que “é un enorme orgullo acoller este evento e contar no noso municipio coa presencia de expertos e expertas sobre a micoloxía, un tema de gran interese e relevancia para a nosa terra”. Por iso, desde o goberno local animan á cidadanía a participar nestas xornadas e coñecer máis sobre a riqueza micolóxica do Concello de Laxe.